Saúdo


A Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía é unha especialidade de gran tradición no seo da Medicina. Naceu entre os séculos XVIII e XIX e foi mudando dende entón segundo o facía a sociedade.
Nun primeiro momento prevalecían as enfermidades de transmisión sexual, maiormente a sífilis, que foi un dos grandes látegos da Humanidade nestes últimos cincocentos anos. Hacia finais do século XIX adiantouse moito no coñecemento das enfermidades cutáneas: clasificación, causas e medios terapéuticos. No remate do século XX asistimos a unha demanada emerxente de técnicas de mellora estética cutánea nas que o dermatólogo ten moito que dicir, xa que é quen mellor coñece o órgano ó que se dedica: a pel.
Nestes comezos do século XXI non convén perder de vista que as enfermidades de transmisión sexual seguen aí e debemos tomar sempre as medidas de prevención e barreira máis eficaces. Podemos tamén enorgullecernos de que o coñecemento das enfermidades cutáneas abundara aínda máis nestas últimas décadas e de que as novas tecnoloxías nos ofrezan hoxe un abano de posibilidades moi completo. Sen embargo, non convén esquecer que o máis importante na Medicina segue sendo o que está detrás das tecnoloxías: seguen sendo as persoas, tanto -e sobre todo- os pacientes, coma o propio médico.

Emilio del Río