Decálogo de fotoprotección


1.-O sol é fonte de vida e saúde. A vida na Terra non existiría sen o sol, pero é tamén causa de queimaduras, alerxias, cancro de pel, manchas, engurras e avellentamento cutáneo prematuro.

2.-As horas máis perigosas para a exposición solar son as dúas horas anteriores e posteriores ó cénit da hora solar, é dicir: das 10 a 14 horas solares. Tendo en conta que o horario de verán leva 2 horas de retraso coa hora solar e de que na nosa lonxitude da costa galega case levamos outra hora de atraso máis (máis natural sería termos a hora de Londres, Portugal ou Canarias) podemos concluír que na costa atlántica galega as horas de maior perigo solar van das 13 ás 17 horas.

3.-A radiación solar máis perigosa son os raios ultravioleta B. Afortunadamente os raios UVC xa non chegan á superficie terrestre grazas á capa de ozono porque serían letais para a vida. Sen embargo, non debe desprezarse o efecto negativo tamén dos raios UVA.

4.- O índice de protección solar indica o factor polo cal pódese multiplicar o tempo que poderiamos estar expostos ó sol sen queimarnos. Por exemplo, se unha persoa concreta pode estar ó sol 10 minutos sen queimarse, cunha crema dun índice de protección 15 podería estar 150 minutos sen queimarse. O factor de protección solar é sempre ideal polo que, entre que non aplicamos a cantidade suficiente, non o facemos homoxéneamente e vaise perdendo cos baños, toallas, rozamento, etc, é recomendable compensalo coa aplicación dun filtro de protección solar máis alto: entre 30 e 40 para o promedio da pel dos galegos.

5.-O filtro protector intégrase mellor na capa córnea si se aplica coa pel seca e unha media hora antes da exposición. Os termos "pantalla total" ou "bloqueador solar" deben desterrarse do uso xa que, simplemente, non existen, son irreais.

6.- Non todas as persoas somos iguais ante o sol. Existen 6 fototipos de pel segundo a escala proposta por Fitzpatrick: fototipo I: as persoas albinas, que sempre se queiman e nunca se pigmentan, fototipo II: as persoas loiras que se queiman case sempre e non pigmentan case nada, fototipo III: persoas de pelo castaño ou morenas claras que se queiman pero pigmentan algo, no fototipo IV están as persoas morenas que non se adoitan queimar e pigmentan bastante co sol, o fototipo V son as peles étnicas: indios, norteafricanos, orientais... e o fototipo VI: son as peles de raza negra. A maioría dos galegos somos de fototipo III, algo tipo IV e bastante menos tipo II. O fluxo poboacional tamén nos está achegando peles tipos V e VI. As persoas de fototipo I, II e III probablemente deberan usar o protector todo o ano, axeitando o factor de protección ó tipo de pel e época do ano.

7.- Os nenos son especialmente susceptibles ó sol. Un pouco de sol é útil para a prevención do raquitismo, pero xa uns minutos por semana son dabondo para isto. Os cativos de menos de 1 ano non deben expoñerse nunca directamente ó sol do verán. Os maiores desta idade deben usar un filtro protector -preferiblemente físico que químico- que oscile entre 20 e 60 segundo o tipo de pel.

8.- O sol pode ser fonte de alerxias, urticarias, reacción con medicamentos ou causa de agravamento de outras enfermidades da pel, coma o lupus eritematoso ou as porfirias.Estas persoas deben protexerse especialmente e as persoas que toman medicamentos convén que lean ben os prospectos sobre este punto, xa que case sempre está mencionado.

9.- As cremas do sol non son unha excusa para un uso indiscriminado do sol: convén recuperar o valor da roupa (particularmente a tupida, fresca e de algodón), os sombreiros ou as saharianas (mellor que as gorras ou as puchas), as mangas e pernas longas mellor que curtas, as camisetas de baño, neoprenos para os deportes acuáticos, etc.

10.- Aínda que o diría mellor un oftalmólogo que un un dermatólogo, tampouco debemos esquecer a protección ocular xa que a retina tamén sofre coa exposición solar intensa. Convén recordar que as gafas deben estar homologadas por Sanidade para a protección ultravioleta efectiva.